As verdades intempestivas

Daniel Salgado“Xamais se impugna realmente unha organización da existencia”, escribía Guy Debord, odiado amado, en 1959, “sen impugnar todas as formas de linguaxe que corresponden a ela”. Os síntomas da descomposición xa estaban aí. Inzaban a linguaxe. A infección estendíase silenciosa pero implacabelmente. Ninguén escoitaba, e aínda que había quen repetía as cousas unha vez e outra, non existiu máis resposta que o desprezo. A literatura, que debera encargarse de detectar os abismos agochados no idioma común, apenas avisou do incendio. O totalitarismo do consenso era a ética xeral da época. A aceptación resignada da mesma, hexemónica. En que intre crebaron os cadeados do real resulta, aínda, difícil de determinar. Pero crebaron. E a linguaxe desta organización da existencia comezou, finalmente, a ser impugnada. As verdades, como a vella toupeira, acaban por emerxer. Intempestivas, pero emerxen: o Estado español non ofrece as garantías xurídicas e penais propias da teoría liberal; as súas diferentes policías non están suxeitas ao control da soberanía popular e a extrema dereita campa nos seus intestinos; a persecución de persoas por motivos políticos atópase na axenda dos sumidoiros do poder; as montaxes que violan a presunción de inocencia fan parte da estratexia de represión da disidencia.

Contra o que o adaxio do partido da orde presume, democracia e capitalismo foron historicamente pouco compatíbeis. O autoritarismo, de maior ou menor intensidade, erixiuse na formalización política predilecta para o modo de produción baseado no saqueo da plusvalía. Segue a selo. Tamén en boa parte da Europa occidental, onde se esvae a escasa soberanía que o pobo conquistara nas rúas. A lóxica cultural dominante serviu de aceite para engraxar a deriva parademocrática que rexe, por caso, en Galicia. Ese sentido común é o que explica e xustifica o asentimento de anos ao estado de excepción ao que someteron aos presos políticos galegos. Que agora, mal que ben, de maneira contraditoria, lenta, esboroa. Xusto cando o estado de excepción se estende socialmente e o risco, de novo, é quen nos afagamos a el. “Estamos todos en perigo”, titulou o xornalista Furio Colombo a última entrevista concedida por Pasolini. Estamos todos en perigo.

Daniel Salgado. Xornalista e escritor.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s