En nome dos dereitos humanos

Xabier RonMoitas son as emocións que erosionaron o meu corpo mentres duraba o relatorio das experiencias da compañeira de Carlos Calvo, dos seus amigos e familiares. E fixérono en dúas capas, a persoal e a política, entremesturadas e fondamente afectadas polo que definiría como a ausencia da humanidade que debera impregnar a todo xesto que emana da Xustiza.

Considero que existen varios factores que vulneran os Dereitos Humanos: por unha banda, o feito de que se poida manter en prisión preventiva até que chegue o xuízo unha persoa até 4 anos é unha auténtica aberración. Non é admisible nun Estado de Dereito. E existen indicios de aleatoriedade: non todos os presuntamente acusados reciben o mesmo trato polos supostos delitos cometidos. E isto é peor aínda porque nos falaría dunha dobre aberración, sen que se coñezan as causas que a provocan.

Sen pretender establecer comparacións, quero recordar un feito que tivo lugar este fin de semana. Refírome, en concreto, á inxusta sentenza emitida polo Tribunal Militar marroquí que ‘xulgou’ aos 24 activistas saharauis de Gdeim Izik, o campamento da dignidade. Despois de pasar 2 anos en prisión preventiva, o 17 de febreiro de 2013 dito Tribunal ditaba sentenza: oito persoas, cadea perpetua; catro, 30 anos de cárcere; sete, 25 anos de cárcere; dúas, 20 anos de cárcere; tres, condeadas polo tempo xa cumprido de cadea.  Todo o mundo civilizado está escandalizado e reclama a posta en liberdade dos activistas.

No caso que comentamos a inhumanidade parte da aplicación da Lei Antiterrorista que, no que nos atinxe, non ten ningún fundamento. Nada hai, a non ser o balbordo mediático e interesado en crear alarma social e confusión, que permita dicir que existe terrorismo en Galicia. Nada.

Polo tanto, cremos que todo o que resulte da aplicación de dita Lei é inxusto e improcedente. A organización Human Rights Watch amosa nun documento publicado no nº 17 da súa revista a súa fonda preocupación polo feito de que as disposicións antiterroristas vixentes no Código Penal e a Lei de Enxuízamento Criminal do Estado violen as garantías fundamentais do dereito internacional de dereitos humanos, e que non ofrezan unha salvagarda axeitada contra o maltrato durante a detención e as violacións do dereito a un xuízo xusto.

Nun Estado de Dereito, nunha Democracia, é preciso que a Xustiza funcione con equidade e sen arbitrariedade. Por iso, afirmo que non é xusto que se teña no cárcere a unha persoa tanto tempo. Carlos podería e debera estar cos seus á espera dun xuízo xusto.

Mais, no tocante ao tempo de demora privado de liberdade, cómpre que insistamos nun feito fundamental: o tempo pasado en prisión preventiva sen xuízo establece xa que a persoa é culpable, polo que estoura de forma plena e cruel a presunción de inocencia. Isto é gravísimo.

E non podo deixar de mencionar a dispersión, o afastamento, a distancia enorme que media entre persoas como Carlos e os seus. Unha distancia que castiga, que abafa. Unha distancia que obriga a un esforzo económico e físico enorme á súa compañeira, á súa familia, aos seus amigos e amigas. Unha distancia totalmente inxusta xa que hai centros penitenciarios en Galicia. Carlos debera estar en Galicia, para poder recibir o agarimo dos seus de forma axeitada.

Por toda a sinrazón que representa a aplicación dunha Lei sen fundamento, pola dor que causa, non podo finalizar esta breve notiña sen deixar de expresar a miña solidariedade e comprensión.

Xabier Ron. Deputado no Parlamento Galego e membro da Executiva de Esquerda Unida.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s