Medo?

manoel santosO actual sistema político-financeiro global, que ao cabo é o que leva dirixindo a construción da nosa hogano abaneante sociedade dende hai decenios, non tería acadado o éxito que acadou sen exercer iso que moitos deron en chamar, moi acaidamente, a política do medo. É, sabémolo ben, unha constante na historia dos réximes totalitarios, como este que vivimos hoxe e que o Boaventura de Sousa Santos tivo a sagacidade de bautizar como fascismo financeiro.

A doutrina do shock, o pensamento único, o fin da historia ou aquel TINA –There Is No Alternative– da Dama de Ferro non foron máis que expresións alusivas, en diferentes tempos da nosa historia recente, ao papel central do medo para exercer o control social nas súas diferentes dimensións e, xa que logo, para vencer nesa eterna batalla pola hexemonía que segue a ser, onte e hoxe, unha simple pero extremadamente cruel loita de clases. Os de arriba contra os de abaixo, os privilexiados contra os oprimidos, os gobernantes contra os gobernados, os menos contra os máis… e hoxe coma nunca, os Estados contra os cidadáns e cidadás.

O medo e os mecanismos, quer mediáticos quer represivos, para instauralo empregáronse e seguen a empregarse para xustificar a imposición de medidas económicas, sociais ou políticas que en ningún caso serían aceptadas en condicións de paz social e de tranquilidade vital. O medo xustifica a atrocidade. O medo manda, que diría Eduardo Galeano, a democracia ten medo de lembrar e a linguaxe ten medo de dicir. O medo serve para impoñer, para desviar a atención, para silenciar, até para vender.

Convídanme a escribir uns parágrafos sobre a demencial situación que atravesan no Estado español –Estado do medo tamén– galegos e galegas como Carlos Calvo, privadas dos máis elementais dereitos e sen dúbida vítimas desa necia política propagandística que é quen de estender coma unha pandemia goebbeliana a mentira e o silencio colectivo perante a barbarie. E claro, venme á cabeza o medo, medo mesmo ao que non existe, medo a unha fábula social estendida á mantenta para controlar non as accións, senón as ideas, non a violencia, senón o disenso político. Medo ás conciencias libres.

Que outra cousa, senón o medo, xustifica o silencio social, o mutismo colectivo, cando unha persoa pode estar 4 anos retida e exiliada, illada e deprimida, vexada e condenada, sen xuízo á vista? Porque non existindo proba xudicial algunha que avale a existencia dun fenómeno terrorista na Galiza –terrorista, claro está, no tendencioso sentido que o emprega o sistema–, porque outra razón se lle aplica a dez galegos e galegas unha aberrante lei “antiterrorista” senón é por unha puramente ideolóxica?

E, no entanto, neste convulso período que vivimos, onde a represión parece ter xa rango de lei, xorden cada vez máis voces, máis fonemas libres, que indican que cada día máis persoas, que cada día máis colectivos, están a perder o medo. O medo ao sistema, o medo ao Estado, o medo ao poderoso, o medo á democracia e o medo a ter medo. Será imaxinación miña que escoito cada día máis e moi diversas voces, outrora apagadas, outrora anestesiadas, falando de xeito ceibo sobre a inxusta e indecente situación dos Carlos Calvo do mundo? Será imaxinación miña que cando nos afacemos ao medo este deixa de importarnos e esváese como as tebras no amencer?

Volvendo a Galeano, e se o medo da muller á violencia do home estase a tornar en medo do home á muller sen medo?

Vémonos en Loureda… sen medo… e máis libres

Manoel Santos. Director e fundador de Altermundo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s