Unha Galiza, con Carlos nela

xaviercamposI
Teño diante dúas fotos. Nunha está Feijoo, o presidente, de festa nun iate cun capo do narco. Noutra un mural fixado nunha parede, coas fotos dos presos independentistas e a petición da súa volta para Galiza. E médrame no estómago a xenreira. Como a moitos e moitas neste tempo. Nos violentos anos dez, que cantan coa lingua mollada na ferida as Ataque Escampe.
 
II
Post no facebook: “Coñecín por motivos laborais hai unhas semanas a unha persoa que me deixou impactado, un antropólogo colombiano que leva anos vivindo en Galiza. Estivo na selva traballando durante anos, entre as FARC, os paramilitares, o Exército e os mercenarios a soldo contratados polas grandes empresas. Vén dunha familia moi pobre e sabe o que é pasalo verdadeiramente mal. No medio da conversa díxome: “La peor forma de violencia es la pobreza”. Esa tropa do PP que non ten escrúpulos en defender os desafiuzamentos, os recortes sociais, a quita ás estafadas polos bancos coas preferentes… debería preocuparse máis polo empobrecemento social que causan e menos polos escraches e as galicolas.”
 
III
Non coñezo Carlos Calvo, mais temos amigos en común e veño de ver neste blog a lista de persoas que saen a defender o que é de xustiza: Fran P.Lorenzo, Goretti Sanmartín, Paco Jorquera, Daniel Salgado, Anxo Angueira e tant@s outr@s persoas ás que quero e admiro, exemplos no seu ámbito de compromiso e traballo polas liberdades, o benestar, a xustiza social e os dereitos sociais e nacionais de Galiza. Fronte a esta alianza plural de voces pola garantías democráticas érguese o muro pétreo do terror como estratexia: cortina de fume, ás veces; represión directa, outras. A súa liberdade é tamén garantía da miña liberdade, di o Fran. Estamos en perigo, apunta Daniel. Concordo plenamente. Máis aínda neste momento de crise de réxime, de podredume que aos poucos se esfarela e se revolve contra os máis.
 
IV
Preocúpame a situación de Carlos e das demais presas independentistas. E tamén a percepción social sobre elas na Galiza.
 
Como o poder de coerción é o que exerce a masa anónima sobre cada un dos seus elementos, a perfección do dispositivo de vixilancia reside na ausencia de vixiantes. A diferenza entre policía e poboación queda abolida, sinalan desde Tiqqun.
 
Cómpre reler Albert Memmi, Aimé Cesaire, Franz Fanon. Achegarse ás nacións escuras de Vijay Prashad. Á Galiza negra e colonial, a que temos. Apuntar, con Bourdieu:  
O poder simbólico non se pode exercer sen a contribución das que o soportan porque o constrúen como tal. Mais (…) esta construción práctica, lonxe de ser un acto intelectual, libre e deliberado dun “suxeito” illado é, en si mesmo, o efecto dun poder, inscrito de maneira duradeira no corpo dos dominados baixo a forma de esquemas de percepción e de inclinacións (a admirar, a respectar, a amar, …) que fan sensíbeis a algunhas manifestacións simbólicas do poder.”A violencia simbólica é esa coerción que se institúe por mediación dunha adhesión que o dominado non pode evitar outorgar ao dominante (e, polo tanto, á dominación) cando só dispón para pensalo e pensarse ou, mellor, para pensar a súa relación con el, de instrumentos de coñecemento que comparte con el e que, ao non ser máis que a forma incorporada da estrutura da relación de dominación, fan que esta se presente como natural…”
 
Pierre Bourdieu, La dominación masculina 
 
V
Think for a minuteO soul pop dos Redskins enche de rabia e de ritmo o coche por Cavanardá. Chove – barruza, en verdade- e o longo areal do primeiro Reinante esténdese en marea baixa ata o comezo da néboa, por riba da agreste e perfumada liña de costa. É fermoso contemplala desde dentro da auga, fermoso sentirse deste sitio, irmán destas rochas e marés. A estas horas, máis ou menos, chega un galés taciturno de Lavacolla a Stansted camiño de Oxford Street, cruzando unha franxa horaria inexistente. A nosa -vexan os mapas- debería ser a mesma que a de Londres, Dublín, Porto ou Lisboa. Só as obsesións do españolismo nega tal evidencia. As obsesións contrarían en moitas ocasións a realidade e modifican a mirada en función dos intereses: non faltan os que se negan a cumprir a lei e manteñen rúas dedicadas a militares golpistas da Ditadura mentres na Galiza converten mozos e mozas en perigosos terroristas financiados pola Galicola. A calma e a paz da Area Longa enxértame a pel de abrazos e dáme solaz e calma, lonxe da galbana e da desidia. Un chucho que me limpa, uns ollos que me beben a chuvia dos beizos. Chego á casa animado, contento. Poño aos Housemartins, a Das Kapital, a Experience. E pouso despois os ollos en Zizek, Sobre la violencia. Seis reflexiones marginales. Dentro, dobrada, a crítica de Victor Lenore na Rockdelux: “El mérito principal de este libro es su claridad para mostrar que la violencia que vomitan cada día los telediarios (terrorismo, terremotos, sucesos) es el mejor truco de magia posible para esconder la violencia objetiva sistémica (la jungla laboral, las relaciones de dominación internacionales, el nulo control a billonarios globales)”. Queremos unha Galiza soberana e socialista, con Carlos nela.
  
Xavier Campos. Concelleiro e membro da Executiva Nacional do BNG
Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s