Dúas historias para Carlos Calvo

pereiroQuería contar dúas historias. Ao fin e ao cabo, é do que vivo. As dúas pasaron nos Estados Unidos hai moito tempo. Unha foi a dunha muller que atoparon na rúa, e non foron quen de entendela, nin ela de dicir onde vivía ou quen era. Metérona provisoriamente nun deses sitios que se chaman impropiamente “institución mentais”. Primeiro protestou, logo resignouse e finalmente afíxose. Como ninguén a reclamou, pasou alí 37 anos. Finalmente, descubriuse que o que lle pasaba é que era unha inmigrante húngara que perdera a súa documentación. Ninguén se preocupara de distinguir o húngaro dunha doenza mental.

A outra historia non é real, ou polo menos vén nun deses relatos de William Irish que describen a perfección os baixos fondos da época da Depresión. Un vello gánster, canso do oficio e das súas consecuencias, pero sen outro do que botar man, tivo a idea de percorrer pequenas vilas rurais asaltando tendas sen máis arma que o seu traballado aspecto de matón. Non lle facía falta outra para que os estarrecidos comerciantes lle entregaran a recadación. Recollía e íase tan tranquilo. Se o detiñan, argumentaba que lle deran os cartos voluntariamente, tal e como confirmaban, moi ao seu pesar, todas as testemuñas. Ata que un día deu cun xuíz tan traballado coma el. Como o asaltado non era o propietario, condenouno por roubo dos cartos do seu patrón e ao gánster por cómplice e receptador, e acto seguido suspendeulle a pena ao dependente.

A segunda historia demostra que a lei é aseghún ou que, como dicía Ghandi, é como as cobras, que soamente morde aos que van descalzos. Jaime Matas, cunha condena de seis anos enriba, anda ceibo por razóns que se me escapan e que pretender entender custaríame bastante tempo e unha minuta considerable. Carlos Calvo leva oito meses en prisión por pertenza a unha organización terrorista. A cal? Á que queira, e se non lle gusta esta, temos outra. Recordo a presentación en sociedade da “Operación Castiñeira”, nunha época en que aínda había preguntas. Quero dicir na que os xornalistas faciamos preguntas e os preguntados respondíanas. A “Operación Castiñeira” foi a detención, cunha chea de watios de luz e son, de oito ou nove rapaces pertencentes a AMI. “Cal é a acusación?”, preguntarámoslle ao daquela Delegado do Goberno. “Bueno, son de AMI”. “Pero non é ilegal, non?”, “Bueno, el juez ya determinará si hay algo…”. Efectivamente, non había nada. Máis nada que un ridículo absoluto para quen ordenou a operación e un mal trago considerable para quen a sufriu. Desde aquela perfeccionaron o sistema. Xa ninguén se pon a tiro de micrófono. E os detidos falan húngaro.

Xosé Manuel Pereiro. Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Advertisements

Un comentario en “Dúas historias para Carlos Calvo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s