Iniquidade

marcosseixoNun recente discurso parlamentar, Xosé Manuel Beiras manifestaba sentir noxo de ter que tratar nunha cámara de representantes un tema tan repulsivo desde o ponto de vista moral como é o das relacións do presidente da Xunta co coñecido narcotraficante Marcial Dorado, e incidía en que resultaba especialmente noxento por esta producirse no intre do falecemento de José Luis Sanpedro, “que é un deses seres humanos que lle fan a un sentir orgullo de pertencer ao mesmo xénero, xustamente na antítese do que me sucede con vostede, señor Núñez”.

Coido que calquera persoa que teña un mínimo de decencia moral, ou simplemente de sensibilidade, ten que sentir o mesmo noxo. Noxo de vivir nun Estado que se ceba cos sectores máis febles da sociedade; que en conivencia cos magnates da banca rouban os aforros de toda unha vida a unha parte da cidadanía ao tempo que cos súas chamadas forzas da orde reprimen violentamente as súas máis que lexítimas protestas, e cualifícanas de intentos de desestabilizar o goberno elixido polo pobo. Noxo de estar submetidos a un sistema que está a levar á ruína a multitude de familias, condenadas ao paro, á miseria, ás deficiencias e retallos cada vez maiores nas prestacións públicas en saúde, ensino, servizos sociais…, fechando unidades de urxencias, denegando bolsas de estudos, botando as familias das súas casas, prohibindo ás mulleres decidir sobre o seu propio corpo…, ao tempo que inchan de cartos as arcas da Igrexa e a banca e van privatizando a sanidade e a educación, para que as oligarquías manteñan os seus privilexios.

Noxo de ver como levan a cabo unha política de exterminio do idioma galego, que mesmo escandaliza as institucións europeas, ao tempo que se xustifican na “liberdade lingüística”, no “bilingüismo harmónico, cordial, sen imposicións…”, chegando a asegurar que a lingua española está en perigo pola “imposición” do galego. Noxo destes fascistas que non condenan o chamado alzamento nacional nin a ditadura mais si que proscriben as investigacións sobre a memoria histórica e o recoñecemento ás vítimas do franquismo. Que acabaron de destruír algúns dos nosos sectores produtivos básicos, como o agrario, o lácteo, o naval, ao tempo que se gaban con retranca de faceren grandes logros para estes tempos que corren. Noxo do suborno dos medios de comunicación, que ocultan as noticias que non lles interesan ou disfrázanas en función da rendibilidade electoral. Noxo, en fin, do nepotismo, do roubo, da corrupción, do financiamento irregular dos partidos, de todas as desfeitas urbanísticas, ecolóxicas…

E o máis abraiante de todo é que se atrevan a reprobar e criminalizar todo tipo de mobilización social e que apliquen unha censura que mesmo sería severa nos tempos de Franco, de xeito que xa se van facendo normais titulares como: “Los profesores podrán ser despedidos por expresar opiniones personales” ou “Interior prohibe a los agentes utilizar el término ‘escrache’ para que lo sustituyan por ‘coacciones’ o ‘amenazas’”…, por non entrar no que atinxe á familia real da que se ocultan o apupo continuo por parte do pobo, como o acontecido en Oviedo nos actos de entrega dos premios Príncipe de Asturias, ou a pitada que recibiu o príncipe das afeccións do Bilbao e o Barcelona ao soar o himno español, entre outras. Mais sistematicamente cando os feitos saen á luz axiña se encargan os medios de indicar que non se trata do pobo senón de “grupos organizados”.

Como é posible que cargos do Ministerio do Interior teñan a desvergonza de chamarlles “os violentos” ás persoas que saen á rúa en defensa da honradez política, da xustiza e dos dereitos básicos, ou que os propios mandos policiais, pagos polo pobo, denominen aos manifestantes pacíficos como “el enemigo”. Como se pode sacar unha lei que penaliza con severidade a quen dea acubillo a aqueles que o precisan se non teñen os papeis en regra, ou outra que impón fortes sancións aos que procuren alimentos nos contedores do lixo?

Perante esta situación, como é posible que neste sistema fedorento se cualifique hipocritamente de terroristas a persoas como Carlos Calvo? Acaso é terrorismo exercer o lexítimo dereito á disidencia e á resistencia frente á opresión? Están tamén proscritas a rebeldía e a dignidade?

As restricións nos dereitos humanos; a brutal represión dos movementos sociais e políticos, nomeadamente do independentismo; o emprego da violencia desproporcionada na represión das mobilizacións populares ou mesmo da tortura en interrogatorios policiais (e isto xa ten sido denunciado polo propio Consello de Europa que fala literalmente de “malos tratos, torturas e vexacións a detidos e internos”); a agonía de milleiros de mozos e mozas, vítimas das drogas e da ausencia de perspectivas de futuro; a morte de persoas debido ás deficiencias sanitarias, provocadas polos retallos na sanidade; ou os cada vez máis numerosos suicidios propiciados polas políticas de desafiuzamentos…, iso si que sen dúbida son actos de terrorismo.

Paréceme unha ironía escoitar a Feijoo denominando as mobilizacións de solidariedade con independentistas presos como “actos fanáticos y fascistas”. E desde logo un suxeito que tivo relacións directas con narcotraficantes, nas que ben seguro houbo intereses cruzados vinculados co financiamento das campañas electorais, está totalmente deslexitimado para chamar terrorista a ninguén. Nas hemerotecas están as impúdicas relacións de Fraga e outros dirixentes deste partido co Ligero ou con Sito Miñanco, este último ademais militante de Alianza Popular e pai dun afillado do propio Fraga. Xente á que non se lle aplica a denominada lexislación antiterrorista, que reciben un trato privilexiado na cadea e que ao saír xa poden gozar dunha fortuna amasada co sangue da nosa mocidade. Por certo, que na crónica que sobre detención do tamén independentista Adrián Mosquera publicaba El Faro de Vigo, aparecía unha alusión ao noso idioma que resulta bastante suxestiva, pois semella deducirse que falar galego en determinados ámbitos formais é tamén un delito. Aínda que, por desgraza, cada vez estamos máis afeitos a escoitar expresións deste estilo: “El detenido también justificó ante el juez, en gallego, su presencia en la zona en que fue detenido, alegando que se encontraba a 500 metros del domicilio de unos familiares”.

Quixera rematar este texto co poema titulado “A Iniquidade”, de Orballo da Media Noite de Roberto Blanco Torres, cuxos versos adquiren cada vez unha maior actualidade. 

(…)

Defenden a lei vigente

que lles ampara o dereito

á folganza i-a sumire

o sangue do pobo enteiro.

Defenden a monarquía

─anacrónico esperpento─

porque trae de longas épocas

da lobregueza dos tempos,

unha tradición de aldrajes

e unha historia de atropellos.

Defenden á igrexa porque,

pervertidol-os conceutos

─da mesma sorte que as almas,

secas didiante o misterio─

da religión fan peldaño

dos apetitos nojentos,

(…)

Porque todol-os parásitos

s´entenden entre eles mesmos.

Defenden a autoridade

porque n-ela ten sustento

a transgresión que os validos

fan da lei e do dereito.

Marcos Seixo Pastor. Historiador, profesor e escritor

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s