Da raza dos non choromiqueiros

OLYMPUS DIGITAL CAMERAValentina ten 83 anos e vive nunha aldea de Ordes. A viaxe máis longa que fixo na súa vida foi hai anos a Aldán, onde están uns dos mellores amigos da familia. Carlos foi o seu primeiro neto dos dous que ten. Desde o día que soubo que o prenderan teimou en que quería ir velo ao cárcere, a pesar de que a distancia en quilómetros non era moi recomendable para a súa idade.Despois de oito meses insistindo para ir velo, hai unhas semanas levárona á prisión de Topas. Cumpríronlle o ‘gusto’ a ela, no que como se lese o fermoso conto de Dieste do vello que quería ver o tren, porfiaba, testuda.Percorreu máis de 800 quilómetros en coche para estar co neto 2 horas nun vis a vis e poder abrazalo e recitarlle esas coplas tradicionais galegas que tanto lle gusta escoitar a Carlos na casa. Saiu ás 9 da mañá e chegou de madrugada ao día seguinte.

“Catro mulleres vimos/as catro te queremos/agora ti elixe/e as outras camiñaremos”, recitoulle nada máis chegar na sórdida xaula na que as meteron. Como di un vello amigo  noso, se, como se sospeita, estas conversas son intervidas polo sistema penitenciario, vulnerando os dereitos máis elementais, cumpriría recuperar a gravación e borrar, por suposto, a conversa familiar, para deixar despois que soasen, ceibas, as vellas cantigas da tribo que se escoitaron hai uns días no escuro ambiente dunha cadea española.

Valentina é tamén unha das persoas que máis cartas lle escribe a Carlos desde que está preso. Díctalle á súa filla, a madriña de Carlos, e despois envían as cartas a Topas, unha ao mes polo menos, contándolle como vai todo pola aldea e dándolle ánimos.

“Abuela, nós nunca fomos raza choromiqueira”, dille o neto a Valentina cando a chama por teléfono. “Iso é certo”, contéstalle ela, tragando saliva e ríndose para que Carlos non se preocupe alí dentro: “Xa ves que sigo tan rideira como sempre”.

Hai varios venres, Valentina deixou na casa as bágoas de raiba e inxustiza que esbaran a cada minuto e armada de forza entrou no cárcere. Levaba posta unha pulseira e unha camiseta a favor da selección galega de fútbol que quería regalarlle ao neto e que pronto Carlos recibirá no paquete de cousas mensual que se lle poden entregar.

Valentina di que, despois de 8 meses, poder abrazar ao seu neto foi “a alegría máis grande da miña vida”. “Foi a viaxe máis longa que fixen nunca e máis me gustaría que a miña viaxe máis longa fose doutra maneira, pero aínda así estou contenta de poder ir”. Cando chegou, os carcereiros dixéronlle que non se preocupara, que ía ver como aquelo era como estar nun colexio. Nada máis lonxe da realidade, pois falamos dun ‘alumno’ que ten exceso de educación e que alí recibe de todo menos boas aprendizaxes, que o obrigan a estar 21 das 24 horas que ten o día encerrado e so nunha celda e ao que non lle permiten asistir a ningunha actividade nin titoría nin estar con outra xente porque o teñen, sen ter sido xulgado, nun módulo de isolamento, en primeiro grao penitenciario e baixo o réxime FIES (Ficheiros de Internos de Especial Seguemento). “Aquelo pareceume moi frío, por fóra e tamén por dentro e moi triste”. “Deume moita pena e aínda non quero crer que Carlos estea alí dentro. É moi triste”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Muller que viviu a guerra e o franquismo, non pode evitar lembrar as épocas igual non tan pasadas. “Tamén daquela detiñan á xente e ían ao cárcere. Matábanos sen ninguén saber”.

En Ordes hai documentados uns 80 asasinatos políticos na zona, 67 deles de persoas que defendían a legalidade republicana ou que participaron na guerrilla antifranquista. “Teñen pagado xustos por pecadores moitas veces e deixa ver agora, cousas así xa se teñen visto”. “Daquela, nin eu nin ninguén chorabamos cando mataban aos falanxistas, e hoxe, o goberno que temos está moi mal”.

Longa vida ás mulleres galegas! Nada máis que comentar.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s