Imaxine

laxemartinanNo nadal de 1971 Jonh Lennon sacaba Imagine, unha canción con ambición utópica que ancorou na intención, nun canto á paz. Ambos conceptos, o nadal e a paz, unidos baixo o paraugas criminal do capitalismo e do cristianismo, constitúen activos de grande rédito para abondas multinacionais e hai tempo que foron externalizados aos arrabaldes da usura, onde o papel rompe con máis asiduidade e é posible enterrar os dedos na desafección.

A paz, como preludio indispensable para o negocio bélico, non como célula vital para o progreso, a igualdade e a fraternidade; e o nadal, tempo no que quen pode pon máis empeño en financiar a felicidade de maneira exhibicionista. A canción de Lennon, secuestrada coma todos os grandes símbolos pola plutocracia, convidaba a imaxinar un mundo mellor, máis xusto. Pois ben, imaxinemos.

Imaxinemos non utopicamente, con método materialista, unha situación se non habitual (todo depende do fallo dunha Sentenza), si factible. Poñamos unha Orde socio-política maioritariamente aceptada na que os súbditos, que nun interesado xogo dialéctico serán chamados cidadáns malia viviren á sombra dun rei paternal e campechano, son amparados por unha Constitución que na teoría non sitúa a ninguén por riba de ninguén e convida a pensar en liberdade, sen cancelas. Poñamos que nesa realidade manifesta Alguén chega a unha conclusión: se cadra que a Orde establecida, esa que concede a graza de opinar en liberdade mentres pecha medios e encerra voces críticas entre as mesmas cancelas que di combater, é en esencia prexudicial para a maioría da poboación.

Se ese Alguén vivise en España, onde a verdade sempre se mira cos ollos cóncavos do Callejón del Gato, sería inmediatamente sinalado co estigma indeleble do terrorismo, condenado sen xuízo e conculcados os seus dereitos civís. Salve Valle, que xa o advertía. Velaí te-la estúpida batalla, escribía Xela Arias hai máis dunha década.

E é que manter as opinións no couto doméstico cando estas ousan denunciar o oprobio, exercermos unha liberdade dócil que non incomode o Capital Killer, non ocasiona problemas. Aí aconsella con rotundidade a cómoda prudencia, ou o medo. Pero se nos recoñecemos libres e actores principais no espazo de acción que media entre un estímulo e a resposta que escollemos por nós e o exercicio desa liberdade vai máis alá, é dicir, é cuestionadora e executiva, alguén pode ver ameazada a cota de privilexio e felicidade que lle outorgaron. Nesta situación o mundo podería deixar de rodar feliz e amnésico. Podería xurdir a consciencia.

Pero sigamos imaxinando. Poñamos que ese Alguén de quen falabamos antes, apupado pola indignación, se atrevese a compartir publicamente os motivos do malestar maioritario e as conclusións do exercicio “legal” de pensar. Entón un resorte había saltar no máis íntimo do sistema de alarmas activando a alerta na mesma cerna da estrutura sistémica que o noso incauto pensador se atreveu a cuestionar. Sen máis, pasaría a ser un perigo potencial, o bit enfermo dun programa que é preciso desactivar. Antes de que ince.

Na realidade o proceso é moito máis cruel:

Imaxine que o deteñen.

Imaxine que o illan.

Ao día seguinte todos os xornais publican a súa foto e repiten a consigna, as palabras malditas que o mesmo Estado protector fixa para conxurar a incomodidade: terrorismo, atentado, violencia, morte. Nos días seguintes a consigna é multiplicada en prensa, televisións e radios mediante novas palabras que golpean no máis íntimo do medo social: organización terrorista, loita armada, posibles bombas, mortes que puideron ser.

Imaxine que o trasladan a centos de quilómetros e o reclúen nunha cela conculcando todo precepto procesual e todo dereito civil. É dicir, e só para empezar, que o illan días e días sen posibilidade de contacto ningún con ninguén: nin familiares nin xuristas.

Imaxine que ninguén fóra desa cela sabe nada de vostede e que vostede nada sabe deles.

Imaxine.

Imaxine.

Xuño de 2013 é unha fronteira. A esgazadura. Un cambio de frente baseado no abstracto dunha realidade imposta.

O valioso, a vida, penderá doutros discursos.

Ata agora só podemos especular. Pero tampouco precisamos a resolución de tribunal ningún para recoñecérmonos próximos ao abismo, a fronteira tras a que a posibilidade da caída colectiva se tingue cos matices propios da certeza. O único real é a gran impostura, e que é a liberdade de todos/as, a Liberdade mesma, tan simple e tan transcendente, a que se nos furta.

Imaxine.

Nunca a ficción foi tan real.

Xosé A. Laxe Martiñán. Escritor. Presidente das Redes Escarlata

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s