Con nitidez, en liberdade, sen atrancos

roividalEfectivamente, hoxe máis ca nunca concordamos co poeta Joseba Sarrionandia cando no seu poema Literatura e revolución formula unha serie de preguntas verdadeiramente incómodas, paradóxicas e dunha lucidez estremecedora. Sarrionandia pregunta cousas como “que lle importa ao rapaz torturado se o poeta é un fingidor?” ou, a xeito de chiscadela ao lugar que agora nos acolle “Quen é Michel Foucault para quen se consome durante dez meses en celdas de castigo?”

Semella falarnos o poeta vasco da inutilidade da palabra perante certos acontecementos que marcan e mancan as nosas vidas. Abofé, a retórica dun velorio prescribe a máxima “non hai nada que dicir” no trending topic de todos os ránkings fúnebres e nun prato de ovos con chourizo, certamente, a implicación da galiña fica en ridículo perante o compromiso do porco.

Mais hoxe estamos ante a existencia dun lugar onde o mundo se chama Loureda ao que podermos enviar as nosas particulartes cartas aos nosos amigos presos. Cartas con palabras. Palabras, como as que o propio Carlos Calvo Varela escribíu, o 13 de Xaneiro de 2013, nunha reflexión sobre o silencio e o ruído que comeza cunha cita de José Saramago.

“O silêncio é a terra negra e fértil, o húmus do ser, a melodia calada baixo a luz solar. Caem sobre ele as palavras. Todas as palavras”.

Continúa Carlos afirmando que:

“Os dominantes imponhem sempre o silêncio, desde o “cala mulher, que ti disto nom entendes” até a censura lingüística; ao mesmo tempo que consideram ruidosos os dominados: os índios som buliciosos, as mulheres berronas e as galegas “falam bruto”.  “Observe-se –indica Joseba Sarrionandia- o duplo sentido que possui a palavra ‘algarabía’ em castelhano: ‘lengua árabe’ e ‘galimatías’, ‘bulla’, ‘lío’, ‘confusión’. Por isso os ilustrados espanhóis qualificam o éuscaro de “algarabía”. A palavra ‘bárbaro’ e a sua equivalente árabe, ‘berbere’, derivam do remedo do jeito de falar dos estrangeiros: “blá blá blá”. O selvagem nom fala, fai ruído”.

A preocupación polo silencio e a posibilidade de escoitar a nosa propia voz ficou ben detallada por  Roberto Vidal Bolaño  nun texto – “A propio intento” (Escritos de teatro, Cadernos Ramón Piñeiro XXV, Luis Cochón, Ed., 2013)­– que serviría como xustificación para a creación dunha plataforma desde a que difundir a obra de novos dramaturgos e dramaturgas; plataforma que, como tantas outras boas ideas e outros capítulos piloto da súa vida, non se chegou a crear.

Do mesmo xeito que para acalmar a fame dun pobo, non abonda con saber que hai trigo agardando na despensa, senón que hai que saber levalo dende ela ao prato no que ese pobo se alimenta…Non abonda con saber que existen xentes e palabras que axudan a facer de nós unha colectividade, cuxa alma non é posible coñecer sen escoitar esas voces que o cantan ou que lle dan carta de natureza de par ou fronte os outros. Sen escoitar esas voces sen as que non é posible recoñecerse como parte del.     

Esas voces existen. Están aí, só hai que querer recoñecelas e darlles carta de natureza. Unhas chegan do pasado e iluminan xenerosamente o noso presente. Outras nacen hoxe mesmo. Son as que nos interesan. (…) De que esas voces nos cheguen con nitidez, en liberdade, sen atrancos, ha depender o propio futuro do noso teatro e quen sabe se de Galiza mesmo.

Nalgunha das aulas do edificio que agora acolle en Compostela a Facultade de Filosofía pasou Vidal Bolaño moitas das tardes de estudo entre a mestría literaria do profesor Xavier Carro e os intentos porque non lle caese o teito na cabeza. Seica por aqueles anos, debemos estar falando de finais dos sesenta, o instituto masculino se encontraba nun moi lamentable estado de putrefacción. Ao parecer, por aqueles anos Roberto prendía, é dicir, Vidal Bolaño era un pouco tatexo e certos profesores, irrrespectuosos coa atención á diversidade, respondían a aquel bruído bolañés co desprezo habitual cara esas e outras hixiénicas desviacións da norma. Naqueles anos de mocidade, o de Vista Alegre foi aprendendo (á forza) moito do que despois deitaría nos seus textos. Aprendeu, entre outras cousas, a necesidade de falar con nitidez, en liberdade e sen atrancos.

Nunha entrevista inédita que hai uns días me facilitou Tero Rodríguez, Vidal Bolaño respondía do seguinte xeito ao ser preguntado sobre a actualidade en 1998 do seu texto Rastros. O de Vista Alegre afirma que en realidade o tema de fondo que se trata en Rastros non é moi diferente do que xa trataba o monólogo Caprice de dieux de 1985.

Por un lado aquel en concreto era un espectáculo que falaba dun veto do que fora obxecto eu e que fora por un lado estimulado polo poder e por outro lado respaldado pola propia profesión teatral, ou por unha inmensa mayoría dela, unha mayoría importante dela, ademáis no decurso dunha asamblea na que en concreto se debatiu si se toleraba que aquello fose posible… Aquela era que eu estaba proposto pa facer un papel no CDG e o señor Vázquez Portomeñe dixo que ni p adiós curraba eu … ou eso nos trasladaron  aos do teatro. Logo anos despois o señor Vázquez Portomeñe negou que el dixera tal cousa, entón parece que era máis o medo do director do CDG naquel momento que era Eduardo Alonso a que eso ocurría e logo dera pé a toda a historia. Pero bueno, iso non se saberá nunca como foi exactamente pero o que si se sabe é que houbo unha asamblea na que maioritariamente os actores dixeron que era lóxico que o dono dunha empresa pois decidirá con que traballadores quería currar e con que traballadores non, e eu era un traballador incómodo que falaba de máis e entón tiña dereito a non contratarme. Entón eu montei un espectáculo que no que se parece a este é en que, si ben efectivamente o poder tende a exercer como tal e a exercer na defensa dos intetereses de según que grupo político o dominio teña, ese poder é posible exercelo se sedan colaboracións ou se se da un nivel de derrota nos axentes que logo executan ese poder ou q impiden que se exerza sen fricción importantes, non? E eso é un pouco o que plantea Rastros, é dicir, certas cousas pasan por que certa xente ou non ten capacidade xa para impedir que pasen ou porque se queimou ou porque perdeu esa capacidade ou porque téndoa pois gárdaa no peto e fai o contrario, aproveita as características dese poder para medrar. E iso é unha especie de discurso permanete na miña obra, é dicir eu non creo que só sexa o poder o que xenera os males, ese poder exercese sobe unha xente que ou ben o rexeita ou ben o asume e o fai propio.

É por iso que a palabra, a palabra certa e digna de Roberto Vidal Bolaño, de Joseba Sarrionandia, de  Carlos Calvo ou de Luz Fandiño, precisa dunha  canle mediante a que ser trasmitida, dun xornalismo que lle dea cobertura e posibilite que esa palabra sexa escoitada, dunha plataforma como De volta para Loureda ou como Novas da Galiza ou como As redes escarlata ou como o escenario dun teatro. Necesitamos estes lugares para contrainformar, é dicir, para poder dicir e escoitar as verdades que outros calan e os máis non queren oír, cousa que por certo era a finalidade de Bolaño ao se poñer o nariz de pallaso en Caprice de Dieux e Sen ir máis lonxe e ao escribir e representar con nitidez, en liberdade e sen atrancos unha peza como Rastros.

E remato, de novo parafraseando a Roberto, quen nos presta a súa voz en diferido (eis a forza da palbra transcrita) para lle dar o merecido colofón a este meu modesto artigo:

“Antes, moito antes de que os pobos ensoñasen ser donos do seu propio destino, sempre houbo a voz de moitos que denunciaron a súa inexistencia. A súa palabra fainos libres antes de o ser de certo. Ignorar esa palabra, non escoitar esas voces, non deixarse posuír por elas, é un xeito de se ignorar a si mesmo”.

Roi Vidal Ponte, dramaturgo, membro de Ataque Escampe, fillo de Roberto Vidal Bolaño

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s