Carlos visita a Antom II

xianaariasCarlos,

presta lerte e ver os teus debuxos, sabes? Antom tamén debuxa. E Teto. Teto mesmo fai pulseiras de fío. Sodes uns artistas. Eu enviolles un debuxo tamén de cando en vez. Os últimos creo que non pasaron. Cando menos os que lle enviei a Antom. Fun visitalo e díxome que non lle deran a miña última carta porque tiña cousas pegadas, ou porque tiña cousas impresas, non escritas a man, e pegadas. Non sei ben, pero non usarei pegamento para escribirvos. Nin recortes.

Fun visitar a Antom con Ismael. Non nos coñeciamos e estivo ben a viaxe con el. Son seis horas e pico ou sete, depende do que pares, ata Aranjuez. Pasamos máis de 15 horas xuntas. Falamos de moitas cousas. Escoitamos moita música. Mesmo escoitamos a Antom polo camiño porque Ismael conectou o seu teléfono á radio do coche e tiña gardada unha conferencia que dera nalgún centro social e que se pode descargar en ivoox. Explícase moi ben.

Ismael xa fora máis veces. Ía máis preparado ca min. Levaba auga, laranxas, chourizos (de Lalín dixo que eran), queixo, bebidas estimulantes. Eu só levei un tarro cheo de té que penso que me acabei antes de pasar a Gudiña.

É mellor levar da casa todo o que precises para non rematar comendo un bocadillo malo e carísimo porque xa son bastantes cartos ir. O gasoe, as peaxes, todas esas horas. Unha outra tortura. (Sabemos que de pasarnos algo a calquera dos que imos de visita, ás familias, sería un crime de estado).

Non sei ben como estades aí dentro pero os baños da entrada da prisión Madrid VII estaban moi sucios e non había papel. Fun pedir e déronme un anaco dun rolo (te llega?).

Tamén se meteron comigo porque os seus trebellos non recoñecía ben a miña pegada dactilar (entra igual que esto siempre os pasa a los de Lugo).

Tocaba paquete cando visitamos a Antom. Levámoslle roupa de primavera, era abril, libros e banda deseñada que recollín o día antes na súa casa familiar. A súa nai regaloume camelias. Emocioneime un pouco aínda que penso que o disimulei. Pero levei unha das flores á visita e pasei polos controis medio nerviosa porque non se podía pasar aos locutorios con nada e eu levaba unha camelia xa medio murcha (nun só día, que cousa…) no suxeitador. Pero pasou e ensineilla. Pode soar un pouco a pastelada pero fíxome moita ilusión pasar coa camelia a velo. Pasamos corenta minutos con el e a min parecéronme quince como moito. Cando rematou o tempo foi coma se estivesemos empezando a conversa. Conversa que por certo levou el case, e isto é brincadeira, a xeito de interrogatorio. Pregunta para min, pregunta para Ismael, pregunta para min, pregunta para Ismael. Nós algo tamén preguntamos. Fai deporte, estuda, le moito, ve algo de tele, preocupalle a súa alimentación e debuxa. Estaba lindo, sorría moito e divertímonos falando d´A Fonsagrada, de Boiro, de Compostela. Do Novas da Galiza, da Radio Galega, das regatas de remo. Das amigas e amigos que temos en común.

E mentinlle.

Houbo un momento na conversa que falamos de que cousas pasaban por Compostela e acabamos por contarlle que sitios abriraran ou pecharan. El preguntou se saiamos moito. A min medio se me encolleu o estómago e dixen que algo si.

Saio bastante sería mellor e saio moito pareceríase máis á verdade. Supoño que me deu reparo. Así que espero pagar unha ronda moi en breve. Unha a el, outra a ti, outra a Teto… que lle prometin que este outubro comiamos o polvo no San Froilán.

Á volta de Aranjuez escoitamos case toda a discografía de Ataque Escampe. Detivémonos sobre todo n´A grande evasión. Penso que nunca escoitara con tanta atención ese disco. Dalgún xeito cada un escolleu unha canción. El quedouse con Sempre nos matan. Eu coa que se titula Febre.

Carlos, cando coñecín a Antom, hai case dez anos ou así, penso que eu tiña moita máis enerxía. A cabeza moito máis aberta e desexosa de armarse. Tamén era ben máis inocente e tiña menos rabia. Moita menos rabia.

E, Carlos, a través do cristal daquel locutorio cutre no que lle mentin a Antom, sentin que o quería moito e que a súa presenza e a súa forza lle devolvían aquelas ganas á miña rabia, á miña evasión.

Estes días xúlgannos a todas. E quero darvos xa unha aperta e unha camelia. Con calor. Sen cristal polo medio.

Polo momento, aquí che vai un bico grande.

Xiana Arias. Poeta e xornalista.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s