Toupas incómodas

manuelbarreiroAo Estado de excepción preocúpanlle as toupas… e que se fale del. En Cen poemas apátridas Erich Fried encadernou versos que desafían aos poderosos. «Non é a excepción / senón o Estado de excepción / o que confirma a regra / Que regra? / Para que non se poida responder a esa pregunta / proclámase o Estado de excepción». Ao onde non alcanza o silencio silenciador dos gobernantes da excepción chegan os muros dos cárceres para esmagar a liberdade dos que sofren cativerio e intentar sufocar a de quen, desde fóra, retruca ou aspira a subverter a orde dominante.

O Estado de excepción (convertido en norma) teima en ampliar os muros do seu Estado penal achicando os dereitos de cidadanía e non hai que ser especialista en enxeñaría social para recoñecer na política do medo e na cultura represiva as súas materias constituíntes. En tempos de crise, ofrécenos a súa faciana amigábel como Estado de seguridade; mais, nin con toda a súa cosmética e retórica narcotizante, é quen de disfrazar a súa auténtica natureza como emenda á totalidade da democracia.

A democracia aléitase co capital de confianza dos cidadáns. O Estado de excepción asenta os seus alicerces na desconfianza e a súa argamasa fundamental non é outra que un todopoderoso medo. «Máis temíbel resulta a omnipotencia dos medos; poden filtrarse por calquera curruncho ou fírgoas dos nosos fogares e do noso planeta». Zygmunt Bauman deixou así sentado que este medo é líquido e que se abre paso polas moitas fendas que fracturan a nosa vida en común proscribindo o disenso, a diferenza e a crítica.

Malia á súa condición líquida, o medo fabrica, no entanto, realidades moi sólidas que podemos identificar, sen moito esforzo, como indiferenza social, apatía cidadá, pasividade política ou servidume insolidaria. Todas son etiquetas patolóxicas da dominación dunha minoría que atesoura desorbitados beneficios coa apoteose criminal do Archicapitalismo, esa manifestación da barbarie que é enxalzada como civilización suprema por neoconservadores e ultraliberais.

En Galiza, ademais, o medo destílase como dependencia. A historia da nación aínda pode ser narrada como o desexo colectivo por construír unha sociedade de soberanía para decidirmos libremente sobre os nosos bens comúns, pero son innegábeis os éxitos –pasados e presentes– dos arquitectos da dependencia. As elites da gobernanza do medo converteron o autogoberno cidadán nunha factoría de submisión e o seu malfadado produto en Galiza non é outro que o que Daniel Salgado chamou «o país borrado».

Non atopo descrición mellor que os seus versos, en Días no Imperio, para retratar o estado de abaixamento ao que nos condenan: «Está o país borrado, del non agardes / máis que un lugar húmido / pouca visibilidade, xentes / perdendo e a paisaxe afogada de quen se deixa. / o país apagado para que chores logo de / mirar o álbum de familia». A dependencia duns cidadáns que se deixan trae, como recoñecemento do Estado do medo, unha nación abafada, borrada, apagada.

Con todo, moitos e moitas estamos convencidos de que o campo do posíbel é moito máis amplo do que a ideoloxía dominante nos deixa enxergar e recoñecese, cada día máis, que case todo o que é necesario e desexábel, en termos de liberdade e igualdade, fica fóra do campo do posíbel que cartografan as oligarquías financeiras e os seus caseiros políticos. Dese irredutíbel convencemento abrolla a desconformidade, a resistencia, a radicalidade da crítica, o disenso e a rebeldía; recordatorios todos de que a historia de mañá aínda non está escrita.

Esa rebeldía desconforme é o ecosistema das toupas que subverten os alicerces dunha orde de inxustiza chamada a ser derrotada ou daquelas outras que, solidariamente, escavan túneles por debaixo dos muros do cárcere para adiantar a volta para Loureda. Son esas toupas as que causan tanto desacougo ao Estado de excepción, aos seus inquisitoriais tribunais e ás sentinelas armadas do seu esterilizante autoritarismo.

Manuel M. Barreiro, analista político, editor e consultor de políticas públicas

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s