O parlamento da Ulfe

Carlos C. Varela

Para Julia V. mais Sarela

alberto durero 1505

Julia Varela e o seu companheiro Fernando Álvarez-Uría formárom-se na efervescência académica parisina que, com a maré revolucionaria do 68, colocou o poder como centro de atençom e crítica. Posteriormente, já em Madrid, combinárom a investigaçom e a docência com o trabalho editorial em La Piqueta. Aí dirigem a colecçom “Genealogía del poder”, que pujo a disposiçom das leitoras em castelhano clássicos da sociologia como Durkheim, Weber ou Polanyi, e também outros trabalhos actuais de sociologia crítica. Será umha colecçom fundamental para a abordagem de novas frentes de luita, como as relaçons de poder na prisom e na escola, ou a psiquiatria.

Em 2004, a socióloga chantadina tira do prelo um livro completamente distinto: A Ulfe. Socioloxía dunha comunidade rural galega. Nas suas páginas nom falam Robert Castel nem Michel Foucault, senom as suas vizinhas da aldeia natal da Ulfe. Falam de si mesmas e da sociedade, julgam e valorizam, criticam e proponhem, com a lucidez de quem soubo conservar esse sentido comum –esse minimum antropológico- que o capitalismo corroeu, e que o anticapitalismo muitas vezes nem é consciente de tê-lo perdido.

“AHORA O RELÓ ACABOU CON TODO”

Todas elas criticam, dumha ou doutra maneira, o modo de vida que impujo o capitalismo: a ruptura das solidariedades e o afám de lucro, o individualismo e o empobrecimento pessoal, a perda de autonomia e a crescente dependência do mercado… Resume-o Pepe quando di que “Antes sabíase facer de todo, pero chamábannos ignorantes”, assim que agora “son máis dependentes, a dependencia é total”. Sobre como se foi forjando essa dependência, recorda Pepe como o Estado, insuflando dinheiro no agro e mecanizando-o, criou um sistema de endividamento “que o levava a comprar o tractor”. Também Josefina lamenta os problemas criados por essa mecanizaçom que nom melhorava a vida, mas que lhes ocasionou muitos conflitos familiares por mor do crédito. O tractor aparece como símbolo da nova economia, mas também a televisom e o relógio. “A televisión nunca deberá existir, porque era máis bonito antes”, sentencia Pepe; enquanto Rosa precisa que “A xente perdeu o rumbo i-o control da vida. Porque nós compramos cousas que non as necesitamos, pero a tele, i-as personas que controlan o diñeiro non paran de bombardearnos con que necesitamos esto i-aquello”. Na crítica do relógio, como símbolo da ditadura do tempo abastracto, nom fica Andrés mui longe de Walter Benjamin ou Heideger: “… hoxe xa desapareceu aquela vida de antes. Ahora o reló acabou con todo…”.

“OS LABORATORIOS VAN ACABAR COA HUMANIDÁ”

A industrializaçom da alimentaçom e a proliferaçom dos agrotóxicos é, quiçá, o aspecto no que mais riscos detecta a gente da Ulfe. Soledad, por exemplo, expressa-se com toda contundência: “Todo é química. Os laboratorios van acabar coa humanidá. Dios sabe o que se come! É impresionante eso. Queren facer cartos e cartos. Todo é egoísmo. Todo é diñeiro. Porque, home, se non hai diñeiro, pois claro, sempre foi así, non? Pero antes había outra maneira de vivir mellor (…) comíase cousas sanas e limpas, pero ahora, que importa que haxa muito viño e haxa moita cousa, si é jodido, falando mal, prá salú?”. Coincide bastante com o que di Pedro, que se apoia num deus que, sem dúvida, tem muito mais a ver com o dos Tojolabal do que com o da hierarquia eclesiástica: “…eso non se acaba, o das drogas i-o dos piensos non se acaba. Antes había un respeto maior pola terra, xa viña de atrás. Hoxe cambiou todo eso, ó non haber creencia. E sin creencia non hai principios. Home, unha cousa é o cura, e outra a religión, pero algo sabemos que o hai, que hai un ser que nos axuda algo, e que nos manda non facer mal a ninguén”.

“NON TES UN TEMPO DE COLOQUIO”

Há também muita coincidência entre a gente da Ulfe ao criticar o tédio e o individualismo modernos. Insiste varias vezes Camila: “Antes a xente divertíase millor naquiles tempos ca hoxe. Hoxe non se divirten nada, porque cada un ten o seu coche, e marcha á discoteca ou marcha ó baile e xa non espera polos compañeiros, nin polos vecinos, cada un vai solo”. Antes, polo contrário, “nunca ibas sola, sempre iba a carretera chea de xente porque non había coches (…). Daquela un afacíase en calquera lado, porque había  moita xente en tódolos lados”. Para Josefina, “Aquil era outro tempo, non había ese afán de ter cartos e cartos (…) Nós de pequenos non nos aburríamos nunca, estábamos sempre ocupados, i-as casas estaban sempre cheas de xente. Traballabas moito, pero non te agobiabas, pois sempre che axudaba alguén. Ahora agóbiante, estás máis sola…”. E mesmo enceta umha crítica à meritocracia que escandalizará muitos progresistas: “Eu teño para min que eso era tan creativo como o que fan hoxe. E notábase! Oes, axudas un poquito i-era un estímulo, non sei, collías unha ilusión: voume levantar cedo que vou coller castañas, ou ó salir da escuela vou ás mazás, ou vou comendo a merenda e vou polas vacas. Ahora é ó revés: os nenos cando veñen, chegan agotados. Vanse de noite e regresan ás súas casas de noite (…). Eu pensó que é unha equivocación tremenda querer que todos sean médicos, que todos sean abogados, que todos sean ingenieros…”

A carom destas reflexons há muitas outras, sobre a dureza do trabalho ou a repressom da Igreja e do franquismo. Esta gente nom fala de ruralismos bucólicos, nem desde posiçons que permitam essas olhadas. Falam desde as suas experiências pessoais, desde o sentido de perda de mundo. Como o homem de Camila, que ao jeito de Gabriel Aresti teimou em morrer “na casa dos pais”, e quando a filha o queria levar para a cidade, ele respondia-lhe que “Aínda vale máis a sombra do meu souto que todo Vigo”. Há, como Julia Varela, que saber escuitá-los, porque neles temos um património de luitas e saberes imprescindível para os tempos que venhem.

Terra Ancha, 7 de fevereiro de 2014 

Ilustraçom: Vacaloura, de Alberto Durero. 1505. 

(Artigo publicado en Praza)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s