A Audiencia Nacional sentencia que os 17 cacheos con espido integral aos que foi sometido Carlos nos últimos dous anos no cárcere de Topas foron totalmente ilegais, “arbitrarios e inxustificados”

mazoO tribunal da Sección Primeira da Sala do Penal da Audiencia Nacional, composto polos xuíces Ramón Sáez, Fernando Grande Marlaska e Manuela Fernández Prado, dictou a semana pasada un auto no que resolve e advírtelle a Institucións Penitenciarias que “as decisións administrativas que acordaron en 17 ocasións o cacheo con espido integral da persoa do Sr. Carlos Calvo Varela han de calificarse como arbitrarias por ausencia da súa xustificación sobre a súa necesidade e proporcionalidade e polo seu carácter sistemático”.

A principios deste ano, Carlos presentou unha queixa ante o Xulgado Central de Vixilancia Penitenciaria denunciando que desde o seu ingreso en prisión estaba sendo sometido no cárcere de Topas (Salamanca) a cacheos “sistemáticos” con espido integral sempre ao rematar as comunicacións vis a vis coa súa parella e coa súa familia.

En total, o avogado de Carlos, Benet Salellas, aportou 17 ordes subscritas polo “funcionario intervinte” da prisión de Topas, en impresos idénticos, entre o 16 de decembro do 2012 e o 1 de febreiro do 2014, nas que se recollía como motivo da adopción do cacheo integral a Carlos a “sospeita de que posuíra substancias ou obxectos prohibidos”, sen máis concreción e sen nunca detectarlle nada perigoso nin estrano.  Noutras ordes directamente non aparecía  anotada ningunha causa para proceder ao cacheo e noutras figura simplemente “orde da dirección” sen máis xustificación. Nun periodo de tempo de 13 meses, Carlos foi sometido a 17 espidos integrais por parte do persoal da prisión, “costume” que cesou unha vez que Carlos decidiu denuncialo.

O 16 de setembro do 2014, o Xulgado Central de Vixilancia Penitenciaria desestimou a queixa de Carlos considerando que as ordes “contiñan suficiente motivación” e que estaban xustificadas tendo en conta que, segundo un informe encargado pola fiscalía a posteriori á dirección do penal de Topas, Carlos “está relacionado co terrorismo galego”, está subscrito ao periódico Gara, e ten amosado a súa relación e simpatía coa actividade da banda armada ETA, cousa totalmente falsa.

Ante tal aberración, a defensa de Carlos decidiu interpoñer un recurso de apelación contra o auto do Xulgado Central de Vixilancia Penitenciaria, e agora a Audiencia Nacional acaba de darlles a razón, declarando nula a resolución do Xulgado Central de Vixilancia Penitenciaria, reprendendo a Institucións Penitenciarias e considerando ilegais ditos cacheos. O xuíz Ramón Sáez, poñente da resolución acordada por unanimidade, afirma no auto que os casos documentados pola defensa de Carlos son “ben expresivos” da irregular situación. “Dicir que o control sobre o corpo do interno con espido íntegro se xustifica na sospeita posuír substancias ou obxectos prohibidos en materia de dereito fundamental é equivalente a non dicir nada”. “No hai motivación” para tales cacheos, conclúe o xuíz, que considera que nin eran necesarios, nin imprescindibles nin xustificados. “Que substancias podería ocultar? Sospéitase de drogas? En que obxecto se pensaba?”, pregúntase Ramón Sáez sen atopar resposta de ningún tipo.

Por todo isto, a Audiencia Nacional considera que nestes dous anos se violou o dereito á intimidade corporal de Carlos, procede a arquivar todas as actuacións e declara nulas todas as medidas de rexistro sufridas polo preso neste tempo. Ao  declarar ilegais os cacheos a Carlos, a Audiencia Nacional declarou a infracción de dereitos fundamentais por parte de Institucións Penitenciarias, e concretamente algo tan relevante e importante nun estado de dereito como é o dereito fundamental á intimidade e á integridade moral e corporal.

Carlos leva en prisión, en réxime de illamento, desde setembro do 2012, cando foi detido en Vigo no marco dunha “operación antiterrorista” contra “Resistencia Galega”. Estudante de Filosofía e Antropoloxía e xornalista de profesión, trasladárase aquel 15 de setembro de Santiago a Vigo para preparar unha entrevista a Xurxo Rodríguez sobre a peña futbolística Celtarra á que este pertencía. Non obstante, foi detido xunto con Xurxo ao comprobarse que este tiña no coche que estaba estacionado ao seu carón unha mochila con dous termos explosivos. A pesar da ausencia de probas contra Carlos Calvo, Xurxo pactou coa fiscalía no xuízo na Audiencia Nacional celebrado o pasado mes de maio a súa rebaixa de pena de 18 a 6 anos de cárcere a cambio de incriminar a Carlos. Carlos, pola súa banda, foi condenado a 12 anos de prisión, acusado de “tenza de explosivos e pertenza a organización terrorista”. A sentenza condenatoria de Carlos, que conta co voto particular dun dos tres xuíces do tribunal a favor da súa absolución, non é firme, posto que está recurrida ante o Tribunal Supremo e nas próximas semanas debería fixarse a data na que o Supremo revisará o caso, unha vez que o recurso da defensa hai meses que xa foi admitido.

Para acceder á sentencia completa podes pinchar aquí 

Noticia na Axencia Europa Press

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s