Carlos está desde hoxe na prisión de Villabona (Asturias)

escreveCarlos foi trasladado de prisión. A partir de hoxe está no cárcere de Villabona, en Asturias. Pedimos por favor a toda a xente que lle escribe que o faga ao seu novo enderezo:

Carlos Calvo Varela

Centro Penitenciario Villabona

Finca Tabladiello

33422 Villabona-Llanera (Asturias)

De Loureda a Villabona hai 274 quilómetros, 3 horas de viaxe ida, tres horas de viaxe volta. Segue sendo moitísimo, aínda que certo é que desde que o prenderon nunca estivo tan preto da casa. Nestes dous anos e case dez meses que leva privado de liberdade, Carlos pasou xa temporadas, algunhas máis longas que outras, nos penais de Soto del Real, Aranjuez, Valdemoro, Navalcarnero, Topas e Estremera. Agora toca nova etapa na asturiana de Villabona. Tanto Carlos como o seu avogado reclamaron por todas as vías o seu traslado a Galiza. Despois de clasificalo e valoralo, Institucións Penitenciarias decidiu que polo momento o seu lugar de destino non será unha prisión galega, senón a de Villabona. Carlos chegou ben alí, hoxe mesmo, despois de saír o pasado luns da prisión de Estremera e estar o luns, martes e mércores en varias prisións intermedias de Madrid, Castela e até pasou por Teixeiro. En Asturias ubicárono directamente no módulo de aislamento, como sempre estivo nas outras prisións até o de agora, e con ánimo continuaremos levándolle até alá toda a forza que faga falta mentres seguiremos a reclamar por todas as vías o seu traslado a Galiza e que se faga xustiza no seu caso pendente aínda de revisión xudicial.

Carlos espera a partir de agora polas vosas cartas en Villabona. Escribídelle unhas letras, sempre e sobre todo estes días!! Lembrade que todas as súas comunicacións están intervidas, como sempre foi, polo que as cartas tardan semanas en chegarlle e todas son revisadas antes de entregarllas. Grazas a toda a xente que lle dá ánimo. Seguiremos camiñando, un chisco máis aliviados, paso a paso.

Advertisement