Xa van aló máis de 500 días!

rocioXa pasa de 19 meses que na comarca de Ordes estamos orfas do sorriso de Carlos, máis de 500 días sen permitirlle que faga aquilo que ama, colaborar en mil cousas distintas para transmitir e difundir o amor pola nosa terra, a certidume de sermos galeg@s e que Galiza nación algún día ha ser libre.

Máis no estado español o direito á discrepancia cada vez cotiza máis á baixa polo que sair do rego do pensamento único é motivo de escarnio social. Ese mesmo estado que nos priva da presenza de Carlos sen que medie xuizo nen condena algunha, é o estado que tal é como dicía un xuiz na prensa en días pasados, permite que cohabiten dous tipos de leis, unha para as persoas ricas con todo tipo de atrancos, impedimentos e dificuldades técnicas para perseguir os seus delitos e outra para as persoas pobres, coa que nos xulgan a nós, na que está todo taxado e penado, excesivamente penalista e que se traduce en que o estado español sexa o estado europeu no que máis tempo permanecen na cadea as persoas presas e moitas, coma Carlos, sen nen tan siquer ser condeadas, máis temos a certidume de que máis cedo que tarde, voltaremos a atopar a Carlos como membro activo do movemento cultural da comarca de Ordes.

Queremos a Carlos de volta a Loureda,  querémolo de volta na casa, entre os seus libros, os seus debuxos e os carreiros da contorna, contemplando a paisaxe da nosa comarca a través dos cristais que sen o seu ollar fican faltos de motivos para a transparencia, querémolo  ver comendo as súas comidas favoritas e máis cedo que tarde habémolo ver chegar ao seu fogar e recuperar o sono na súa cama baleira.

Rocío da Igrexa Prego, Concelleira do BNG en Cerceda

Loitar polo evidente. Se non es a ETA es nazi

MXoseBravoConvídanme a escribir aquí, antes ca min xa o fixo Paco Jorquera, Goretti, Xavier Campos….  É o lóxico, porque a nós gústanos a xente que toma partido.Era LOIS PEREIRO quen dicía: “Que a vida non me sorprenda xamais desprevenido, calado e neutral”,  pois así somos no BLOQUE incorrectas cando cómpre, vehementes sempre e fortes e tenras as veces… e  todo o mundo sabe que as do BLOQUE estamos sempre aí, sen escusa ningunha, onde cómpre estar, alí onde se argallan leis pensadas, non para a convivencia, senón para a represión, terannos en fronte; por iso, toca agora estar na trincheira actuando en defensa propia, coas uñas e os dentes…

Porque quen nos goberna ditaminou que a desidencia era terrorismo, e de pronto souben que para eles eu son a ETA, ti es a ETA, ela é a ETA…. E se non es a ETA es nazi.

Que non levanten contra nós normas, que serán legais mais son ilexítimas. Penso que era Voltaire quen dicía “o último grao de perversidade é facer servir as leis para a inxustiza”. E iso é o que fai contra nós o estado español criminalizar as ansias de liberdade.

Dise moitas veces que cada unha de nós é o que sinte, o que pensa, pero sobre todo somos acción, somos o que facemos, por iso estou escribindo agora e aquí.

Gustaríame pensar que a miña, que a nosa, acción axuda á xustiza e á verdade. Sei que a forza, a potencia de tantas voces, non pode ser en vano, a loita polos dereitos humanos é unha loita difícil mais non estéril.

É tan pouco o que pedimos…Só reivindicamos o dereito a discrepancia, só queremos que non se criminalice as nacionalistas, só esiximos á volta das que non están e deberían estar ao noso carón, só queremos ver a Carlos Calvo en Loureda, porque é de xustiza! … tempos tristes estes nos que hai que loitar polo evidente.

María Xosé Bravo. Ensinante, concelleira  na Coruña e membro do Consello Nacional do BNG

Unha Galiza, con Carlos nela

xaviercamposI
Teño diante dúas fotos. Nunha está Feijoo, o presidente, de festa nun iate cun capo do narco. Noutra un mural fixado nunha parede, coas fotos dos presos independentistas e a petición da súa volta para Galiza. E médrame no estómago a xenreira. Como a moitos e moitas neste tempo. Nos violentos anos dez, que cantan coa lingua mollada na ferida as Ataque Escampe.
 
II
Post no facebook: “Coñecín por motivos laborais hai unhas semanas a unha persoa que me deixou impactado, un antropólogo colombiano que leva anos vivindo en Galiza. Estivo na selva traballando durante anos, entre as FARC, os paramilitares, o Exército e os mercenarios a soldo contratados polas grandes empresas. Vén dunha familia moi pobre e sabe o que é pasalo verdadeiramente mal. No medio da conversa díxome: “La peor forma de violencia es la pobreza”. Esa tropa do PP que non ten escrúpulos en defender os desafiuzamentos, os recortes sociais, a quita ás estafadas polos bancos coas preferentes… debería preocuparse máis polo empobrecemento social que causan e menos polos escraches e as galicolas.”
 
III
Non coñezo Carlos Calvo, mais temos amigos en común e veño de ver neste blog a lista de persoas que saen a defender o que é de xustiza: Fran P.Lorenzo, Goretti Sanmartín, Paco Jorquera, Daniel Salgado, Anxo Angueira e tant@s outr@s persoas ás que quero e admiro, exemplos no seu ámbito de compromiso e traballo polas liberdades, o benestar, a xustiza social e os dereitos sociais e nacionais de Galiza. Fronte a esta alianza plural de voces pola garantías democráticas érguese o muro pétreo do terror como estratexia: cortina de fume, ás veces; represión directa, outras. A súa liberdade é tamén garantía da miña liberdade, di o Fran. Estamos en perigo, apunta Daniel. Concordo plenamente. Máis aínda neste momento de crise de réxime, de podredume que aos poucos se esfarela e se revolve contra os máis.
 
IV
Preocúpame a situación de Carlos e das demais presas independentistas. E tamén a percepción social sobre elas na Galiza.
 
Como o poder de coerción é o que exerce a masa anónima sobre cada un dos seus elementos, a perfección do dispositivo de vixilancia reside na ausencia de vixiantes. A diferenza entre policía e poboación queda abolida, sinalan desde Tiqqun.
 
Cómpre reler Albert Memmi, Aimé Cesaire, Franz Fanon. Achegarse ás nacións escuras de Vijay Prashad. Á Galiza negra e colonial, a que temos. Apuntar, con Bourdieu:  
O poder simbólico non se pode exercer sen a contribución das que o soportan porque o constrúen como tal. Mais (…) esta construción práctica, lonxe de ser un acto intelectual, libre e deliberado dun “suxeito” illado é, en si mesmo, o efecto dun poder, inscrito de maneira duradeira no corpo dos dominados baixo a forma de esquemas de percepción e de inclinacións (a admirar, a respectar, a amar, …) que fan sensíbeis a algunhas manifestacións simbólicas do poder.”A violencia simbólica é esa coerción que se institúe por mediación dunha adhesión que o dominado non pode evitar outorgar ao dominante (e, polo tanto, á dominación) cando só dispón para pensalo e pensarse ou, mellor, para pensar a súa relación con el, de instrumentos de coñecemento que comparte con el e que, ao non ser máis que a forma incorporada da estrutura da relación de dominación, fan que esta se presente como natural…”
 
Pierre Bourdieu, La dominación masculina 
 
V
Think for a minuteO soul pop dos Redskins enche de rabia e de ritmo o coche por Cavanardá. Chove – barruza, en verdade- e o longo areal do primeiro Reinante esténdese en marea baixa ata o comezo da néboa, por riba da agreste e perfumada liña de costa. É fermoso contemplala desde dentro da auga, fermoso sentirse deste sitio, irmán destas rochas e marés. A estas horas, máis ou menos, chega un galés taciturno de Lavacolla a Stansted camiño de Oxford Street, cruzando unha franxa horaria inexistente. A nosa -vexan os mapas- debería ser a mesma que a de Londres, Dublín, Porto ou Lisboa. Só as obsesións do españolismo nega tal evidencia. As obsesións contrarían en moitas ocasións a realidade e modifican a mirada en función dos intereses: non faltan os que se negan a cumprir a lei e manteñen rúas dedicadas a militares golpistas da Ditadura mentres na Galiza converten mozos e mozas en perigosos terroristas financiados pola Galicola. A calma e a paz da Area Longa enxértame a pel de abrazos e dáme solaz e calma, lonxe da galbana e da desidia. Un chucho que me limpa, uns ollos que me beben a chuvia dos beizos. Chego á casa animado, contento. Poño aos Housemartins, a Das Kapital, a Experience. E pouso despois os ollos en Zizek, Sobre la violencia. Seis reflexiones marginales. Dentro, dobrada, a crítica de Victor Lenore na Rockdelux: “El mérito principal de este libro es su claridad para mostrar que la violencia que vomitan cada día los telediarios (terrorismo, terremotos, sucesos) es el mejor truco de magia posible para esconder la violencia objetiva sistémica (la jungla laboral, las relaciones de dominación internacionales, el nulo control a billonarios globales)”. Queremos unha Galiza soberana e socialista, con Carlos nela.
  
Xavier Campos. Concelleiro e membro da Executiva Nacional do BNG

Dominación polo terror

JorqueraPor unha vez, e sen que sirva de precedente, permitídeme que recurra ao dicionario da Real Academia Española. No avance da súa vixésimo terceira edición define terrorismo como “dominación polo terror”.

O Partido Popular ven de propor que o Parlamento de Galiza aprobe unha declaración institucional contra o terrorismo en Galiza. Padecemos en Galiza un intento de dominación polo terror?.

Quizá os meus prexuízos impídenme comprender que os voceiros do PP o que denuncian é a doutrina do Shock. A doutrina do Shock: auxe do capitalismo do desastre é un libro no que periodista canadense Naomi Klein analiza como o capitalismo neoliberal se apoia nos desastres para fortalecerse, aproveitando a conmoción e confusión dos momentos de crise, para impactar na psicoloxía social e  conseguir a aceptación de reformas antipopulares.

Xa o dixera Milton Friedman, Gurú da Escola de Chicago, no seu libro de cínico título Capitalismo e liberdade: “Só unha crise -real ou percibida- dá lugar a un cambio verdadeiro. Cando esa crise ten lugar, as accións que se levan a cabo dependen das ideas que flotan no ambiente. Creo que esa ten que ser a nosa función básica: desenvolver alternativas ás políticas existentes para mantelas vivas e activas ata que o politicamente imposible se torne politicamente inevitable”.

En definitiva, un relato perfecto do que está acontecendo, de como esta crise sistémica está a ser utilizada para acentuar a dominación.  A dominación polo terror.

Máis, a pesar da miña inxenuidade conxénita,  temo que o PP non se refire a este terrorismo realmente existente. Temo que en vez de denunciar a doutrina do Shock o que pretende é aplicala, presentándonos unha realidade que non existe para crear alarma, desviar a atención dos problemas reais e xustificar a represión.

A mesma doutrina do shock que mantén vivas leis e tribunais de excepción. A mesma doctrina do shock que permite o uso e abuso da prisión preventiva, do primeiro grao penintenciario ou do alonxamento dos presos da súa terra e entorno social. Noutras palabras, facer da pantasma do terrorismo unha cortina de fume e dominarnos polo terror.

Por iso, hoxe máis que nunca: Que volten a casa! Queremos ver a Carlos de volta para Loureda!

Francisco Xesús Jorquera Caselas. Portavoz do BNG no Parlamento Galego