Spanish bombs

1. Nem da resistência galega, nem da basca, nem da anarquista e nem tam sequer da islamista… A imensa maioria das bombas inutilizadas cada ano polos diversos corpos de desactivaçom de explosivos do Estado procedem da macabra sementeira efectuada polo fascismo espanhol desde 1936. Só em 2009 os TEDAX dos Mossos desactivárom mais de 1.6000 artefactos no Principado, entre eles bombas de 100 kg; em Uvieu encontram uns 60 ao ano; em 2012 os TEDAX topárom-se com 243 em Múrcia, e os GEDEX umha média de três ao mês só em Jaén e Granada. É o ‘terrorismo’ franquista tornado paisagem.

A organizaçom fantasma ataca pontos neurálgicos: colégios, universidades, estaçons de trem (Segorbe, 2005), aeroportos (Reus, 2012, umha bomba “legionária” de 100 kg), hospitais, túneis (Atocha-Chamartín), etc… A composiçom dos mesmos vai do TNT ao xofre branco. Umha das mais potentes encontrou-se em 2008 em Morata de Tajunha: 250 kg capazes de projectar metralha até um quilómetro e médio de distancia. E de empregarmos o estilo de certos jornalistas haveria que falar de “Bomba a la hora del cole” quando no passado Dezembro despejárom um colégio em Getafe. Ou de “Campaña de verano” quando em maio de 2009 aparecêrom na praia de Argue de Llançà 25 artefactos a tam só um metro da linha de costa, que também foi despejada. Em Setembro do mesmo ano umhas crianças brincavam no areal de Montalt quando encontrárom a enésima bomba da Guerra Civil. Dous anos depois um turista encontrou outra na praia de Ses Covetes.

Obviamente tal sementeira cobra vítimas. Vítimas dum franquismo com mecha retardada que nengumha AVT reconhecerá: em 2007 a de A.G.G. de 59 anos em Paterna, a de F.J.F.G. em Astúries em 2009… etc.

2. Mas em Espanha som incapazes de compreender o fenómeno. Só com um imaginário completamente colonizado pola “ameaça terrorista” e a sobredose de amnesia proporcionada pola Transiçom se podem escrever reportagens como a de José R. Villalba en Ideal.es. O jornalista conclui que desde a criaçom dos GEDEX “até agora, o seu labor foi impagável e pese à notável diminuiçom da actividade terrorista neste país, estes profissionais do GEDEX continuam a pé do canhom como se aqui vivêssemos ainda hoje umha situaçom como a Espanha de 1980”. Após reconhecer que “só em Espanha encontram-se umha média de 4.000 a 5.000 explosivos da Guerra Civil cada ano”, que “polo geral costumam ter a carga activa em 99% dos casos”.Já nom é que, como ironizavam num excelente artigo de Diagonal, pensem que Yasser Arafat vestia o pano palestiniano em solidariedade com a ‘kale borroka’, é que crem que o bombardeio de Gernika foi obra de ETA.

3. No passado 21 de maio –só uns dias depois de que a Delegado do Governo Espanhol em Catalunha apoiasse umha homenagem aos membros da ‘División Azul’ que combatérom junto com o exército nazi- o PP, UPN e Foro Asturias impedem que o Congresso declare o 18 de Julho “Dia da condena do franquismo”. Nesses mesmos dias o terrorismo machista entrava numha das vagas de mortes grande dos últimos anos. O Governo resiste-se a condená-lo, e quando o fai, dias depois, veta expressons como “violência machista” e “assassinato de mulheres”. Há só umhas semanas o Parlamento Basco apoia a família de Yolanda González, jovem seqüestrada e assassinada em 1980 polo Batallón Vasco Español. Todos? Nom. Faltam UPyD e PP.

Em Argentina, o processo judicial aberto contra o franquismo denuncia pressons do Governo espanhol para paralisá-lo. Um dos imputados polos crimes da ditadura é o sogro do ministro de justiça, Ruíz Gallardón, quem, por certo, derrogou a lei que retirava os títulos nobiliários do franquismo.

4. Entre tanto o Comité para a Prevençom da Tortura do Conselho de Europa visita Espanha e emite o enésimo informe denunciando as supervivências franquistas na ‘democracia espanhola’: calabouços inumanos, amparo institucional da tortura, violaçom de umha pressa política em 2011… Quando a Mariano Rajoy lhe perguntam no Senado se pensa cumprir as tarefas que Europa lhe pom na matéria responde que nom pode impor-lhe aos juízes a prática das salvaguardas anti-tortura, por respeito à independência judicial. (Dolores Becerril, ‘Defensora del Pueblo’, aconselha-nos que sejamos compreensivos, pois há “falta de orçamento” para previr a tortura). O editorial do diário Gara responde-lhe a Rajoy: “O último ranking mundial elaborado por World Economic Forum a partir de umha série de medidores objectivo situa o Estado espanhol no posto 56, justo por trás de Brunéi e Hungria e por diante de Nigéria e Sri Lanka. Que Madrid evoque esta independência judicial para evitar respeitar os direitos humanos di-o todo”.

5. Os titulares das capas dos principais jornais espanhóis em 8 de Junho também o dim todo: “El Gobierno blinda su política con una mayoría fiel en el Constitucional” (El País), “El Gobierno apuntala la firmeza del TC ante el independentismo” (El Mundo), “Un TC de mayoría conservadora responderá al desafío soberanista” (La Razón). Isto é o direito como continuaçom da política e da guerra por outros meios.

6. Passado fevereiro. Pleno municipal no Concelho de Ordes. Realiza-se num prédio situado na avenida que leva o nome de Alfonso Senra, alto cargo da repressom franquista –em concreto dos mais importantes responsáveis da República- que se deixava ver por Madrid em companhia do chefe das SS em Espanha. O PP fica quase sozinho e nom logra sacar adiante a sua proposta de declaraçom institucional de condena ao “terrorismo independentista”. Som os mesmos que cada ano, junto com o exército espanhol, realizam umha macabra homenagem a um “caído do franquismo” no cemitério municipal. Num mausoleu erigido justo encima de onde os vizinhos mais velhos dim que há umha enorme fossa comum de republicanos assassinados.

Em Ordes, por certo, há umha vítima recente do terrorismo. Um vizinho de Ardemil que morreu há só uns anos pola explosom dumha bomba. Umha bomba do franquismo.

Carlos C. Varela. Topas, 29 de Junho de 2013.

independencia

 

Medo?

manoel santosO actual sistema político-financeiro global, que ao cabo é o que leva dirixindo a construción da nosa hogano abaneante sociedade dende hai decenios, non tería acadado o éxito que acadou sen exercer iso que moitos deron en chamar, moi acaidamente, a política do medo. É, sabémolo ben, unha constante na historia dos réximes totalitarios, como este que vivimos hoxe e que o Boaventura de Sousa Santos tivo a sagacidade de bautizar como fascismo financeiro.

A doutrina do shock, o pensamento único, o fin da historia ou aquel TINA –There Is No Alternative– da Dama de Ferro non foron máis que expresións alusivas, en diferentes tempos da nosa historia recente, ao papel central do medo para exercer o control social nas súas diferentes dimensións e, xa que logo, para vencer nesa eterna batalla pola hexemonía que segue a ser, onte e hoxe, unha simple pero extremadamente cruel loita de clases. Os de arriba contra os de abaixo, os privilexiados contra os oprimidos, os gobernantes contra os gobernados, os menos contra os máis… e hoxe coma nunca, os Estados contra os cidadáns e cidadás.

O medo e os mecanismos, quer mediáticos quer represivos, para instauralo empregáronse e seguen a empregarse para xustificar a imposición de medidas económicas, sociais ou políticas que en ningún caso serían aceptadas en condicións de paz social e de tranquilidade vital. O medo xustifica a atrocidade. O medo manda, que diría Eduardo Galeano, a democracia ten medo de lembrar e a linguaxe ten medo de dicir. O medo serve para impoñer, para desviar a atención, para silenciar, até para vender.

Convídanme a escribir uns parágrafos sobre a demencial situación que atravesan no Estado español –Estado do medo tamén– galegos e galegas como Carlos Calvo, privadas dos máis elementais dereitos e sen dúbida vítimas desa necia política propagandística que é quen de estender coma unha pandemia goebbeliana a mentira e o silencio colectivo perante a barbarie. E claro, venme á cabeza o medo, medo mesmo ao que non existe, medo a unha fábula social estendida á mantenta para controlar non as accións, senón as ideas, non a violencia, senón o disenso político. Medo ás conciencias libres.

Que outra cousa, senón o medo, xustifica o silencio social, o mutismo colectivo, cando unha persoa pode estar 4 anos retida e exiliada, illada e deprimida, vexada e condenada, sen xuízo á vista? Porque non existindo proba xudicial algunha que avale a existencia dun fenómeno terrorista na Galiza –terrorista, claro está, no tendencioso sentido que o emprega o sistema–, porque outra razón se lle aplica a dez galegos e galegas unha aberrante lei “antiterrorista” senón é por unha puramente ideolóxica?

E, no entanto, neste convulso período que vivimos, onde a represión parece ter xa rango de lei, xorden cada vez máis voces, máis fonemas libres, que indican que cada día máis persoas, que cada día máis colectivos, están a perder o medo. O medo ao sistema, o medo ao Estado, o medo ao poderoso, o medo á democracia e o medo a ter medo. Será imaxinación miña que escoito cada día máis e moi diversas voces, outrora apagadas, outrora anestesiadas, falando de xeito ceibo sobre a inxusta e indecente situación dos Carlos Calvo do mundo? Será imaxinación miña que cando nos afacemos ao medo este deixa de importarnos e esváese como as tebras no amencer?

Volvendo a Galeano, e se o medo da muller á violencia do home estase a tornar en medo do home á muller sen medo?

Vémonos en Loureda… sen medo… e máis libres

Manoel Santos. Director e fundador de Altermundo.

Ben lonxe da verdade

ferminCalquera que sexa a alegación ou presunción que pesa sobre Carlos Calvo Varela ou calquera outro detido desta causa ou outra, a presunción de inocencia e o bo uso da lei teñen que prevalecer sobre outros usos non santos e sobre outras presuncións non fundadas suficientemente. Neste sentido, a idea dun clima de natureza terrorista en Galicia que pon  medo á poboación está ben lonxe da verdade e non se pode apoiar nesa absurda percepción o abuso de lei ou calquera outro abuso nestas causas delicadas e complexas que deron lugar con frecuencia a numerosas inxustizas de feito e de dereito. Quero mandar o meu desexo a Carlos de que todo vaia sobre as leis correctamente interpretadas e que Galicia novamente posúa a súa historia.

Fermín Bouza Álvarez. Catedrático de Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid. Especializado en Opinión Pública

Dominación polo terror

JorqueraPor unha vez, e sen que sirva de precedente, permitídeme que recurra ao dicionario da Real Academia Española. No avance da súa vixésimo terceira edición define terrorismo como “dominación polo terror”.

O Partido Popular ven de propor que o Parlamento de Galiza aprobe unha declaración institucional contra o terrorismo en Galiza. Padecemos en Galiza un intento de dominación polo terror?.

Quizá os meus prexuízos impídenme comprender que os voceiros do PP o que denuncian é a doutrina do Shock. A doutrina do Shock: auxe do capitalismo do desastre é un libro no que periodista canadense Naomi Klein analiza como o capitalismo neoliberal se apoia nos desastres para fortalecerse, aproveitando a conmoción e confusión dos momentos de crise, para impactar na psicoloxía social e  conseguir a aceptación de reformas antipopulares.

Xa o dixera Milton Friedman, Gurú da Escola de Chicago, no seu libro de cínico título Capitalismo e liberdade: “Só unha crise -real ou percibida- dá lugar a un cambio verdadeiro. Cando esa crise ten lugar, as accións que se levan a cabo dependen das ideas que flotan no ambiente. Creo que esa ten que ser a nosa función básica: desenvolver alternativas ás políticas existentes para mantelas vivas e activas ata que o politicamente imposible se torne politicamente inevitable”.

En definitiva, un relato perfecto do que está acontecendo, de como esta crise sistémica está a ser utilizada para acentuar a dominación.  A dominación polo terror.

Máis, a pesar da miña inxenuidade conxénita,  temo que o PP non se refire a este terrorismo realmente existente. Temo que en vez de denunciar a doutrina do Shock o que pretende é aplicala, presentándonos unha realidade que non existe para crear alarma, desviar a atención dos problemas reais e xustificar a represión.

A mesma doutrina do shock que mantén vivas leis e tribunais de excepción. A mesma doctrina do shock que permite o uso e abuso da prisión preventiva, do primeiro grao penintenciario ou do alonxamento dos presos da súa terra e entorno social. Noutras palabras, facer da pantasma do terrorismo unha cortina de fume e dominarnos polo terror.

Por iso, hoxe máis que nunca: Que volten a casa! Queremos ver a Carlos de volta para Loureda!

Francisco Xesús Jorquera Caselas. Portavoz do BNG no Parlamento Galego

Terrorismo en Galiza?

Segundo o último barómetro do CIS, só o 0,2% da poboación considera que actualmente existe un problema de terrorismo en Galiza. O 77% dos cidadáns considera que o principal problema é o paro, o 39% din que a situación económica e o 30% din que os partidos, a política e os políticos en xeral.

Un grupo de xente estivemos hai unhas semanas gravando na entrada dun novo centro comercial de Compostela. Se ninguén está realmente preocupado polo terrorismo en Galiza nin pensa que exista, como pode ser que haxa persoas que son detidas baixo a lei antiterrorista e que están encarceradas a centos quilómetros das súas casas, sen xulgar e vulnerándose todo tipo de dereitos? Quenes son os que realmente sementan o terror no noso país?