A bela e a besta

XL Santos CabanasNa foto sae un retrato, un cadro grande, de pintor famoso contemporáneo, paréceme coñecido e creo lembrar que representa un banqueiro. Feo, feo, moi feo. Ao pé, nun sofá … se virades a foto estariades de acordo comigo en que aquela muller belísima é a esencia da delicadeza. O título, ben acaído, “La bella y la bestia”.

Vin unha reprodución da foto (estou convencido de que xa batera noutra ocasión co orixinal, se a memoria non me falla foi en Lisboa), digo que vin esta reprodución no Colegio San José de Caracciolos, Facultad de Filosofía y Letras, Universidad de Alcalá de Henares, despois do xuízo na Audiencia Nacional contra Carlos Calvo Varela e Xurxo Rodríguez Olveira. Ilustra un dos paneis da exposición que lle dedican a Góngora, o que comenta a súa fábula de Polifemo y Galatea. Non podo darvos máis datos, pois non tomei nota de nada, que aínda tiña a cabeza ben embarullada co que pasara naquela sala da Audiencia Nacional da Calle Límite de San Fernando de Henares, despois de asistir en directo a aquel triste espectáculo.

Non son quen de facer unha análise. En confianza: tamén non me apetece moito, e ás veces cómpre facerlle caso ao que che pide o corpo. Só fico coas palabras que me mandou Santiago Alba Rico, con quen teño a sorte de intercambiar de vez en cando algún correo electrónico: pobre rapaz e pobre decencia humana. Efectivamente, os feitos deixan moi mal sabor de boca, como tamén me di o filósofo. Por outra parte, ao xuízo de quen escribe, a defensa de Carlos Calvo foi intelixente, elegante, hábil, digna.

Volvendo á exposición: a foto da bela e a besta fíxome lembrar o xuízo que acababa de presenciar este 6 de maio do ano que andamos. Permitídeme que volo conte neste blog que ten nostalxia de Carlos Calvo (e non só) en liberdade.

Xosé Luis Santos Cabanas, escritor